segunda-feira, 11 de janeiro de 2010

Que democracia máis asoballante

"Pero polo menos, algo diso sí que hai". Isto é o que adoito pensar cando reflexiono sobre o tema dos aeroportos de Galicia, e máis concretamente, o aeroporto da Coruña, ou de Alvedro, como nós e case todo o mundo por aquí lle chama. E que é iso que penso que hai? Pois os intereses egoístas e/ou políticos perversos das urbes galegas; neste caso, obvio, falo da cidade da Coruña.

Dáme moita mágoa pensar que, en poucos anos, non hei voltar ver a moita xente que coñezo porque han ter que deixar as súas casas, fogares da súa familia dende xeracións atrás; que, as paisaxes que hoxe observo como unha postal de viaxe, xa non volverán existir xamais; que, esta voracidade por construír non ten fin, e que hoxe e "só 400 metros" (coma onte foi "só a fin do monte Costa de Culleredo"), mañá pode ser a fin do val que é dono da historia da miña familia e das familias dos meus amigos (porque nós non somos donos das terras, senón que pertencemos a elas)...

E dáme mágoa pensar que se silencie deste xeito a quen mal non fixo nunca e foi "fiel" a quen agora os bota da súa propia vida coma cans adoecidos. E dáme rabia, moita rabia, pensar que van facer todo iso, engadido aos cartos de todos nós (non só os meus e os dos meus veciños, senón de todos vós), para unha super obra, sen unha soa garantía de rendibilidade, e co AVE ás portas da nosa terra, que só servirá como autoafirmación de catro señores que viven (ou viviron) na cidade, e queren gobernarnos, sen ter pasado da Pasaxe case nunca, e sen ser conscientes do que hai á outra beira.

E síntome moi pequena. Pero sei que, aínda que sexamos poucos, a nosa causa é xusta. E creo firmemente que con traballo e vontade, todas as causas xustas levan o premio que arelan.


Visualizar o mapa ampliado

1 ELOS:

Silvio Falcón disse...

A verdade é que a loita pola nosa paisaxe debería ser unha prioridade para os partidos políticos do noso país. Por sorte ou por desgraza, as industrias non se fixeron co control da meirande parte do noso solo e, inexplicábelmente, neste momento crucial, semella que nos queremos vender aos cartiños dos que só pensan no seu beneficio.

Concordo contigo, Vero ;)