Mostrar mensagens com a etiqueta Silvio Falcón. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Silvio Falcón. Mostrar todas as mensagens
sábado, 16 de junho de 2007

EL


O único que sabemos é que vive moito mellor. Sen dúbida, mellorara a súa vida material. El, que tivera que deixar atrás a tódolos seus e que, olvidándose forzosamente de todo o que lle era intrínsecamente seu, collera un tren pra sobrevivir alén das fronteiras da súa terra, non era feliz co que tiña.


Cecais, neses intres, cobraba sentido a afirmación de que a felicidade sempre se quere pero nunca se ten, pronunciada por un deses sabios que, se cadra, foran máis felices ca el. O sentimento de frustración persoal do emigrante, vai máis alá do amor que se vexa reflexado nuns centos ou miles de kilómetros. Ese sentimento que, minándoo pouco a pouco, o converte nunha nova persoa e, case sen decatarse, fai que non se sinta "nin de aquí nin de alí". Iso conleva unha forte eliminación das opcións persoais, e tamén das identificacións cos colectivos.


El síntese dobremente estrano. Primeiro, na terra de acollida, diferente por natureza pero, a fin de contas, a nai da súa estabilidade material. Mais ese anceio de volta, esa morriña inquebrantábel vese frustada unha e outra vez pola falta de identificación coa realidade cotiá da terra que te viu marchar, que eternamente él identificará como propia (malia que ningún documento oficial así o diga.)

Isto último débese á idealización do pasado e a identificación das experiencias persoais cun ente global que, como colectivo, é definido por algúns como nación, por outros como nacionalidade hestórica e por outros como rexión. E, a propia identificación de experiencia persoal e colectiva é o principal problema que el ten que afrontar.


Lonxe, coma el, atopa moitos semellanes. Mais ben poucos conservan a esperanza. A maioría, ven o pasado como os tempos mozos, os outros, ven a terra como o seu particular lugar de reposo após a vida de traballador. ¿Galiza non serve pra traballar?- pregúntase el. E, según moitos, aquela terra que el quere e defende en calquer contexto, non é máis que a nai de moitos cobardes, que ben podían ser os rumorosos que xa non "din", mais si que "fan". A clave, entón, ¿sería que dixeran? Non.


O emigrante medio, non fará, pero tampouco dirá. O galego, por definición ambiguo, lonxe da terra, nese clima de confusión que tamén o inclúe a el, difumínase moralmente até as súas últimas consecuencias. !Implicación! !Qué medo!


E el pechou a bitácora, mentres reflexionaba, non sen humor, sobre os puntos identificativos entre a terra de acollida e a terra nai. !O galego emigrante tamén dependía dun cacique! !Benditos centros galegos, feitos a "imaxe e semellanza" das Deputacións!


E non hai que dicir que, como non, El tamén son eu.