Mostrar mensagens com a etiqueta participación. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta participación. Mostrar todas as mensagens
terça-feira, 29 de maio de 2007

Entre a apatía e a envexa cainita

Eu tamén avogo pola democracia. Aínda que tampouco creo que sexa de recibo agardar dos políticos que sexan "mellores" que a sociedade da que son froito.
Cando miro ao meu redor vexo unha sociedade cada vez menos participativa e máis protestona. Nada está ben mais eu non estou dispost@ a facer nada para mellorar as cousas, e aínda a cousa vai máis aló, amólame moito que outros (sobre todo se son coñecidos persoais) teñan éxitos políticos, porque claro, iso da envexa cainita doe moito. E ao final perdemos a perspectiva e acabamos por asasinar ao irmán porque só podemos aturar del que sexa un apático mediocre coma nós.
terça-feira, 24 de abril de 2007

Heroes...

Como Deus si xoga aos dados, deixándoo todo ao azar... cecais sexa preciso poñer todo da nosa banda para condicionar as circunstancias ao noso favor.

Ficamos acostumados a escoitar afirmacións taxativas, en tono criminalizador e cun cargado bafo paternalista, arredor da non participación da xente moza.

Din que non participamos, que somos individualistas, que somos insolidarios, que apenas estamos de paso, que deambulamos como un público silencioso arredor dun cenario sobor do que deberíamos estar subidos como protagonistas dos cambios. Minten, pero fano só en parte.

Negar que os índices de participación xuvenil, de implicación cívica, entendida como suma ou mistura das dimensións política, social e persoal, son en moito mellorábeis, sería un absurdo en termos analíticos.

Pero recoñecer a insuficiencia dese nível de participación non debe ser óbice para recoñecermos que esa eiva no cuantitativo fica correxida, cando menos en parte, polo alto nível cualitativo da mocidade auto-organizada. Como se di no mundo das organizacións non lucrativas, a falta de persoas, máis horas. Máis horas de reunións, de preparación de actividades, de desenvolvemento de eventos, de organización, de reflexión e de remangarse pura e duramente para labores de intendencia e loxística.

A mocidade galega sí participa. Participa de entidades culturais, veciñais, ecoloxistas, solidarias e mesmo políticas, estudantís e sindicais. Pero tamén participa a través de grupos non formais, como son os grupos musicais, agrupacións teatrais ou círculos que comparten intereses de seu (grafitti, ciencia ficción, anime...).

Unha boa mostra de que a mocidade se move, participa, se implica e achega o mellor de sí mesma, témolo no foro Mocidade en Rede que organiza a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galiza, no que se están a recoller centos de propostas que serán tidas en conta no deseño, ou redeseño, da política xuvenil do noso país.

Din que os heroes son aqueles que fan todo o que lles é posíbel, fronte aos que non o fan.