quarta-feira, 25 de abril de 2007

¿Iguadade? Non, gracias


¿Por que non somos todos iguais? A resposta é ben sinxela (miña avoa diría: "porque somos distintos", a retranca é o que ten), porque todo o que somos e significamos é distinto dunha persoa a outra. O noso pasado, o noso presente e o noso futuro é ben diferente de ti a min. As nosas necesidades, inquedanzas, gustos, son distintos.

Todos coñecemos o caso dalgún benintencionado salvapatrias que tenta perseguir a igualdade custe o que custe. Iso, benqueridos, amigos, é ir contra a nosa natureza humana. Somos diferentes, somos distintos, e así será sempre. Sí, por moita política socialista a prol da igualdade. Toda sociedade que tente pór a igualdade por riba da libertade acabará sen unha nen a outra, dixo hai tempo alguén máis importante ca ti e ca min xuntos.

Témo-la Igualdade aí posta, nun pedestal, intocable. A romántica idea de igualdade -sen entrar na idea cristiá de que todos somos fillos de Deus ;)-, provén da Revolución Francesa (á que por certo tamén temos idealizada). Non vou falar agora da Revolución Francesa, pois como é proverbial, dende o 1789 Francia non levanta cabeza. Ben, nesa Revolución os encargados do márquetin publicitaron o eslogan "Libertade, Fraternidade e Igualdade". O da Libertade gústame, gústame moito. Coido que é o valor máis importante, por riba incluso da propia vida. Logo temos a Fraternidade, que non hai por onde collela. E ó final a Igualdade, nese pedestal histórico do que vos falei.

Todos debemos ser iguales ante a Lei (xamáis por Lei), pero non veño a falar de igualdade xurídica. Iso, máis ou menos, o temos asegurado. Falo da igualdade económica e ese mito da esquerda de que a diferencia de medios económicos é "inxusta" e todos debemos ser iguais. ¡Ja! (Sí, escribo "Ja" e non"Gha"). Debe haber ricos e debe haber pobres (¡ai! outra vez a doutrina cristiá). Se emprendemos políticas a prol da igualdade e lles quitamos ós ricos para darlles ós pobres. Chegará o punto de que os ricos, e dicir, os investores, empresarios, etc, deixaran de ver interesante o de investir, innovar, medrar e dar postos de traballo. Resultado: Ucraína, 1938. Ou Corea do Norte, 2007. Non vexo que ninguén queira emigrar a ese sitios. Nin os galegos que imos "onde ningún home estivo xamais", como Kirk, Spock e a cuadrilla de Pepa a Loba.

Con isto, obviamente non defendo a pobreza. A sociedade capitalista o bó que ten é que -se ningún Quintana está no goberno de ningunha nación- recompensa a iniciativa. Médrase. Sí, sí. Escoitaste moi ben. Pecha "O Capital", apaga a SER e segue a lerme. Medrarase máis e seguirá habendo pobres. Os pobres do século XXII terán Internet nas súas casas, e seguirán a ser pobres respecto a nós. É así. Eles non son pobres porque nós sexamos ricos. De feito, a situación do Terceiro Mundo é tan deprimente precisamente pola falla de libertade. Polas mentiras dun socialismo inútil de raíz. E por un estatismo deplorable só defendido por Pilar Bardem, Zapatares e Antón "Escravista" Losada (e os seus seguidores, claro está: millóns e millóns).

O paradóxico de todo isto é que sabemos o que fai a Igualdade imposta polo Estado (ver Unión Soviética, ver Cuba) e sabemos o que fai o egoísta afán de lucro (ver Estados Unidos, ver Singapur). O que semella unha boa idea leva dentro a semente do mal puro. E o que en principio parece algo malvado, leva incorporado o segredo do éxito económico. Como a comida basura.

2 ELOS:

Ulixes disse...

Ao mellor a igualdade cando todos somos distintos e actúamos de distinta maneira non é, efectivamente, o máis xusto.

Habería que matizar máis e falar de igualdade ante a lei, igualdade de oportunidades, etc...

En canto ao dos ricos, é curioso ver como certos apelidos se repiten, por exemplo este, este e este.
Claro, é ben sabido, e senón que llo pregunten a Baltar, que moitas cousas son hereditarias. Como, por exemplo, a probabilidade de chegar a rico.

Eu como van ser os pobres de dentro de cen anos non o sei. O que si sei é como é a sociedade agora e como era hai 100 anos. E se tivera que escoller preferiría ser un rico do s. XIX que non un pobre do s.XXI. Aínda que non tivera electricidade na casa nin coche. Polo tanto, sen ser rico agora, non lles envexo o futuro aos pobres do s. XXII.

Ulixes disse...

Perdón. Esquecín un detalle.

Non é que a diferencia de medios económicos sexa "inxusta".
É que a diferencia de medios crea inxustizas que é necesario paliar.