sábado, 16 de junho de 2007

"Para el stress..."

É máis, aquel encontro inda que buscado e preparado, tornouse nunha situación sórdida que a fixo sentirse culpable e lle volveu a meter a angustia no peito. Pero iso pasáballe sempre que comezaba unha relación cun home, ela quería devorar e ser canibalizada e non sempre eles podían satisfacer esa necesidade de desgarro interior, de feito o gatillazo do rapaz dos Martes do Portal tampouco a sorprendera moito. Ai que complicado é atopar alguén que te colme.

Manola ergueu do chan e púxose a andar baixo a lúa cara a casa. De ter alguén a cámara de vídeo que ela mercara, podería grabar a unha muller sen zapatos nos pés andando pola cidade paseniñamente no medio da noite. Captaría imaxes dos cartaces anunciando concertos pegados nas paredes e amosaría a tranquilidade das rúas a certas horas da madrugada. Sería quen de facernos ver o aire pesado que acompaña aos intres previos á tronada e pousaría na lente da cámara uns nubeiros negros que irían cubrindo o ceo e as estrelas e que rematarían por tapar a lúa. Un lóstrego iluminou a escena na que Manola chegaba á casa e sacaba as chaves para abrir o portal no momento en que un trono a facía mirar para o ceo.

E foi cando se puxo a chover con esas gotas gordas que tanto lle gustaban a Manola e que tanto lle recordaban a cando o seu defunto e asasinado home aproveitaba a auga para levala contra as paredes dos edificios, e darlle uns bicos aínda máis húmidos que as propias pingueiras que agora lle esbaraban polas fazulas. Que tolería lle dera aquel día que arrincara os posters das paredes e decidira mudar de vida, pero que sería a existencia sen esas arroutadas? Nada.

Manola ficou no medio dos caldeirazos que estaban a tirar do ceo mollándose toda,
notando como o ambiente refrescaba ao tempo que se lle ían aclarando as ideas. Todo o que fixera fora ben feito pero precisaba centrarse un pouquiño máis: deixaría o portal, deixaría ao rapaz dos martes, deixaría a cidade, deixaría de pensar no seu home, deixaría a bata azul tirada encima da cadeira, deixaría que os seus soños inundasen a súa cabeza e fóra problemas! Foi así como Manola desapareceu de súpeto sen que ninguén notase tanto a súa ausencia como o señor gatillazo que resolveu que Uxía sempre sería unha boa moza para el.

Tempo despois saberíase entre a veciñanza por non se sabe quen que alugou, mercou, descargou, viu sen querer ou contoulle un amigo que nunha película titulada "Para El Stress Polvos De Tres En Tres" saía unha muller que se parecía aquela que limpara na rúa das Margaridas, e que vai ser, ti que dis, home eu non a vin pero seica era igualiña, pois a min non ma parecía, ai entón foches ti quen a viu, que ía ser eu que a min contáronmo, tamén me dixeron a min que tiña bo cu, e boa dianteira que para a idade que debe ter consérvase ben, pois mira ti a mozota que a min xa me daba que era un pouco porca, e logo que sabes ti dela?, ai eu nada pregúntallo a aquel da rúa das Margaridas...E o rumor da señora da limpeza da bata azul que tiña stress chegou ao devandito portal e o señor gatillazo descubriu que a súa Manola era toda unha artista, que o soft porno sentáballe moi ben, que a debían nominar para un Goya e que aínda se lle poñía tesa lembrando os martes ás seis da mañá.

E agora viría outra historia, porque Manola vivía en Madrid liberada de complexos e de angustias, facendo florituras co seu corpo e dándose gusto por tódolos lados. O único que sabemos é que vive moito mellor.

1 ELOS:

Elianinha disse...

vaia, vaia, parece que Manola vai buscar novas aventuras por aí... :)