domingo, 1 de julho de 2007

"O máis galego, ou tan galego coma ti ou como dígase"

Namentres, morremos sen saber quen somos, porque correspóndelle cadansúa identidade a toda-las persoas que que estamos vencellados a cultura galega. Mais, eu son dos que opinan que o eixo dunha cultura é a lingua, porque a lingua é o canle do desenvolvimento, é o camiño máis curto para achegaren posturas. A lingua é o primeiro que aprende un neno, dos beizos dos pais sairán as primeiras verbas que este aprenda.

Estes días anda o río revolto polo novo decreto lingüístico que está a piques de aprobarse. Facendo un pequeno resumo das novidades deste, en destaque o galego terá asegurada coma mínimo o 50% das materias. Isto supón que os centros de ensino poden aínda elevar esa porcentaxe, chegando até niveis das aldeas e povos da Galiza, no que agás as linguas estranxeiras (castelán, ingles ou francés...) impártese todo en galego.

Isto supón unha grande nova, ainda que se pola miña opinión persoal fora, insuficiente. Hai un "ghrupinho" por ai que din chamarse "tan gallego como el gallego" que está a recoller sinaturas contra este decreto. Á primeira ollada, só compre ler o nome, "tan gallego como el gallego", boto unha gargallada porque é divertido escoitar a alguén que di ser tan galego (de persoa) coma o galego (da lingua) e vai e escrebe en castelán. Menudo erro! A virxe que os pariu! pero que aprenderon estes que é o galego? a nosa lingua, para sermos máis exactos e non se vaian trabucar, refírome ao galego cando falo da nosa lingua, nela non se di "gallllllego" dise "galeeeego", como poden afirmarse galegos se non o utilizan nin para o seu alcume, polo menos podian facer comas as caixas, que moito chámarse en galego pero após non empregan ren o galego, nin nas facturas nin nos anuncios.

Estes persoeiros, non teñen mellor escusa para berrar (porque son poucos pero fan moito ruido) que invocar á unha das liberdades, porque dependendo do ponto de vista disque hai varias, pero a de eles é "libertad para escoger en que idioma voy a educar a mi hijo para que no tenga problemas si sale fuera de Galicia, y por supuesto es que estamos en España (ostiaputa!)" Con dous collóns, si señor/a.

Pero a min xúrdeme unha dúbida, que teñen eles? fillos persoas, ou un feixe de fatos? Porque seica queren ter uns fillos que non pensen por si mesmos, e canto menos saiban mellor, que canta máis incultura mellor irán polo mundo adiante. Estas persoas non queren que os seus fillos falen dúas linguas nai, só precisan un idioma, o idioma do imperialismo ou globalización, o inglés, e se non é ese, un que sexa amiguiño deles, o español. Porque ese é o problema meus, que viver nun mundo globalizado (eche o que hai) non deixa espazo para moverte na túa lingua. Eu quero a mesma liberdade á que apelan éstes do "el más gallego, o tan gallego como tu, o como quieran que sea" quero que o meu fillo e mesmo eu poida escoller que poida ler unha revista, ver a televisión, ler o xornal, escoita-la radio, ler os ingredentes dos produtos do súper, a publicidade cando agardo polo autobús... en galego, e ollo! digo escoller, ter máis dunha opción, porque só temos unha canle en galego, dous xornais, unha radio (a nivel da CAG) poucos anuncios en galego, e só un supermercado que aínda que esfórzase, os coitados do Eroski, non teñen bos tradutores.

Onde está aí a miña liberdade, non a vexo por ningures. Vivemos nun mundo globalizado, no que os meirandes esmagan aos pequeniños, e como aínda non produciuse a milagre dun Estado que protexa ao povo e os seus intereses, non poderemos trocar o etiquetado das empresas, polo que seguiremos a ler pola rúa o español.

Por iso compre equilibra-la balanza en prol do galego, se queremos ter uns fillos cultos claro. Se na rúa a batalla está perdida, temos de empregar outros camiños, i ese é o camiño do ensino. Ensinar en galego, dándolle unha vantaxe ampla con respeito ao español, acadaremos que os nenos saiban falar, escreber, e ler nas dúas linguas igual de ben. Imposíbel! dirán os do "el más gallego, o tan gallego como tú, como se diga" porque os meniños esquecerán o castelán... si home, si, e tamén esqueceranse dos nomes paternos por chamarlles tanto Papá e Mamá... Pero aínda non saben estes en que mundo están a viver? repito, nas rúas predomina o castelán, fala castelán na rúa, cos teus pais, teus amigos, mais na escola, que está un aí para aprender, fala galego, e o rapaz saberá utilizar os dous idiomas, e non vai esquecer nada, porque na tele case todo é castelán, e verá "house" en castelán, "Los Simpson" en castelán, "Prison Break" en castelán, e a "Champions" tamén en castelán...

Hai un proverbio que di: Hai tres cousas que endexamáis voltan, a palabra dita, a frecha ceiba, e a oportunidade perdida. Esta é unha oportunidade para dicir se queremos ser tan galegos coma o galego e ter un pouco máis de sentidiño, e ver que o galego é un saber que non ocupa espazo, empregue-lo ou non.

Pareceme moi ben que a xente pida liberdade no idioma, mais... liberdade para seres un ignorante? non graciñas.

1 ELOS:

Pablo Otero disse...

Menos mal que estas ti para dicirnos a todos en que lingua debemos de expresarnos.

Gracias.

Perdón, que agora tense que dicir "grazas".