terça-feira, 24 de abril de 2007

Oda á desintoxicación mental.

Porque aínda que non nos fagan caso, que nos deixen a gusto... Hai un bo fato de frases feitas coma esta, de lendas urbanas, de consignas repetidas a modo de claim publicitario, que resoan no pensamento común da xente do común arredor da hoxe tan denostada política.

Os políticos non escoitan/rouban/minten/non fan nada/son todos iguais...
A política non serve para nada/só serve para atender os intereses dos poderosos...
Non hai nada que facer/non podemos cambiar/vivimos no mellor dos mundos posíbeis...

É comprensíbel. É certo que o cenario político, no seu conxunto, en todos os ámbetos vitais, desde o barrio até o nível planetario, convida á desesperación e a que o povo arroxemos a toalla. É agotador e decepcionante o espectáculo do politiqueo parlamentarista/institucionalista/mediático e oficial. Da noxo, claro que o dá.

Pero non podemos caer no erro de recoñecermos, de lexitimar, todo ese compendio de farsas, acreditando estas como "política". Non o é. Nen eles políticos. Son a expresión da contra-política, da anti-política, de des-democracia. Son un tentáculo máis do poderoso cefalopodo do sistema que a golpes de cansanzo pretende noquear aos que xa aguantamos os seus anteriores envites de violencia estructural... Saben que somos consicentes, e tentan anularnos, empurrandonos sutilmente cara a asimilación do seu propio discurso

Todas e todos sabemos que o sistema quere sociedades alienadas, con individuos acríticos e desactivados política e socialmente. Saben os gurús neocon, os do pensamento único, os pais da globalización imperialista, que a participación política é o talón de aquiles do sistema. Por iso nos abafan con ese constante bochorno da mediocridade, do discurso valeiro e falso, da estética.

Os que tedes dado ese paso de xigante que é tervos decatado de que as cousas non marchan ben, os que conseguichedes quitarvos as orelleiras e destaparvos os ollos, para ser conscientes de que a realidade que nos ofrecen non é nen por asomo xusta, non cedades agora. Non vos deixedes envelsar polas sombras dos galos na parede, desenmascarade a realidade que se agocha tralo telón das mentiras feitas verdades oficiais. Non perdades a vosa enerxía transformadora, non renunciedes ás vosas arelas revolucionarias, sucumbindo á falsedade orquestada de que as cousas non teñen solución, de que non hai cambio posíbel, e de que ese atallo de demagogos de cartón pedra son a expresión da política.

Política sodes vós, somos nós: a conciencia, a acción, a transformación; tese, antítese, síntese.

1 ELOS:

Xosé Manuel Carreira disse...

Buf, o pior é se aparece tamén un Le Pen por estes lares. Os de Democracia Nacional e algún inconfesábel do PP por aí lle andan.