Así nos vai logo. Temo-lo país que nos merecemos. O próximo domingo, novas eleccións en Galiza. Gañarán o PSOE e o PP. Seguro. Estamos fartos de escoitar durante a campaña tanto aos dirixentes de aquí como aos paracadistas madrileños falar de inversións, do AVE, de quen fará o mellor para cada vila, pobo ou cidade. É normal, vailles niso o soldo. Ben, son políticos. Agora, realmente cren no que están a dicir? Teño que dicir que, alo menos, non todos o cren da mesma maneira.
Non coñezo unha definición para a dereita máis axeitada que puro interese. A dereita non é pois unha ideoloxía, senón puramente necesidade de procrearse na poltrona. É unha especie de retroalimentación. Bo exemplo é a monarquía de Antas de Ulla. Morre o alcalde do PP, sucédeo o fillo do PP. Iso si, tras renuncia de media agrupación local que ía antes ca el nas listas. Hai que dicir, de todos xeitos, que no rural as cirscunstancias son distintas. Estamos no bo camiño, pero indubidabelmente o caciquismo segue a existir. É unha rutina demasiado longa e ancorada no tempo para rachala tan de súpeto. E tamén o voto á persoa (por cercanía) máis que ao partido ou ás ideas.
Pero, e nas cidades, é todo o anterior unha excusa? Non. As cidades son o mellor refrexo da sociedade lacazá e paspana na que vivimos. Vótase a figura, o puro e duro populismo. O mellor expoñente, Orozco. Tras un goberno case ao 50% co BNG saca nas seguintes a maioría absoluta. Eran tódolos méritos del? Nin moito menos. Non gañaron as ideas políticas, nin sequera a xestión (nese caso non tería baixado tanto unha parte do goberno): gañou unha figura.
E digo máis. A diferenza PP-PSOE nas cidades está diluída totalmente. Evidentemente hai que ir caso a caso, pero os exemplos falan por si sos. Bastou con oír aos señores Irisarri, Losada ou Caballero non dicir nin ren en galego durante a campaña. Ou ao alcalde de Lugo coas súas afortunadas declaracións sobre as galescolas, o galego e o inglés. Resultamente especialmente sangrante o caso ferrolán. Tódalas enquisas dan unha baixada forte do BNG e unha subida espectacular do PSOE. Eles son os que van dar o mellor por Ferrol. Eles van reconduci-la cidade. Éncheselles a boca na época de eleccións. Sen querer converter o post nunha perorata bloqueira (evidentemente eu vou votar ao BNG, aínda que so sexa por eliminación), so vos pido que reflexionedes e pensedes a quen realmente lle importa o país polo menos un pouquiño e non só en época electoral. E apórtovos algo para axudarvos. Trátase da discusión no congreso dos deputados sobre a proposta da Xunta sobre a reconversión dos asteleiros en Ferrol. So direi que foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego e rexeitada cos votos de PSOE e IU en Madrid. Dobre moral ou? Este é o momento no que Francisco Rodríguez ía defende-la proposta:
Vergoñante, non si? Pois iso, o domingo lembrade que meter un voto nunha furna non é simple folclore.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
2 ELOS:
Sobre o de Ferrol vin o debate que fixeron na galega cos candidatos do PP, BNG, os independentes, o PSOE e Esquerda Unida e, a verdade, o candidato polo PSOE pareceume que levaba un discurso aprendido, falando de todo e falando de nada concreto. Unha pena.
é que é iso... so conta a figura, as ideas están nun segundo plano...
Enviar um comentário