terça-feira, 8 de maio de 2007

superficies


Ogallá academos un bo produto final... despois de xeracións tentando concienciar á humanidade.

Onte, na xornada nocturna, unha compañeira pedíanos con insistencia que cambiaramos a canle na que estabamos vendo un filme sobre a pena de morte por outra na que varios monifates se afanaban en explicar á audiencia (maior do que sería desexable) as últimas novas sobre a "desgraciadísima" situación dunha coñecida "tonadillera". Afortunadamente non era eu a única persoa interesada en ver o filme e totalmente desinteresada na infortunada vida da cantante e non houbo tal cambio de canle, pero a insistencia desa compañeira, con argumentos como que na película morría xente e iso lle desagradaba, fíxome reflexionar sobre a superficialidade deste tipo de persoas, máis preocupadas por verlle a cara á nova filla da "princesa" que por arranxar situacións como que esa nena vaia ter un nível de vida ao que un 90% da poboación non pode nin soñar aspirar, simplemente por ser filla dun home que tén como único mérito ser, á súa vez, fillo doutro home, herdeiro de privilexios de varias xeracións atrás, ou sexa, por levar un apelido determinado. Desagrádalle ver xente morrer no televexo, é máis fácil virar a mirada que saber que no Iraque, por exemplo, morren cada día ducias de persoas por mor dunha invasión baseada exclusivamente en termos estratéxicos e economicistas, e facer algo por mudalo. Supoño que a vida é máis fácil se en lugar de pensar niso, pensas no perfume ou no coche que che gustaría mercar.

Cómo se pode chegar a crear unha conciencia social nunha serie de persoas ás que lles importa moitísimo se están ben depiladas para ir á praia, ou se o seu equipo gañará a liga, ou se atoparán talla en Zara na prenda que lles gosta, pero que teñen diante súa un sinfín de inxustizas e problemáticas que nin se molestan en analizar? Cómo se pode mobilizar a esta xente que é convocada para participar como membros das mesas electorais nas vindeiras eleccións municipais e a súa única preocupación é saber se terán libre no traballo o día seguinte, sen ver nin tan sequera que as eleccións son (supostamente) a expresión máis importante da democracia, na que o pobo decide como será o seu goberno nos seguintes catro anos? Existe algo debaixo desa superficie? Se quitaramos o envoltorio, atoparíamos algo con sentido debaixo?

Haberá que seguir buscando, porque penso que de haber un mínimo de conciencia e compromiso, ha de estar ben agochado no fondo.

A miña mensaxe para esa xente: Non apadriñes un neno do terceiro mundo para limpar a túa conciencia; comeza a comprender porqué o 90% dos recursos do planeta están nas mans duns poucos que explotan a todos os demais para seguir incrementando riqueza; comeza a mobilizarte para que este desequilibrio cambie, para que non haxa terceiro mundo, nin nenos pobres nel que teñan que ser apadriñados.

Cando me vexas pola rúa, no traballo ou tomando algo (estou certa de que nunca coincidiremos noutros sitios coma conferencias ou manifestacións), non me mires de enriba a abaixo para ver qué clase de enxendro humano viste esta roupa de mercado semanal e anda metido en política.

Non son un bicho raro, simplemente, penso.

1 ELOS:

Xosé Manuel Carreira disse...

O autor da foto foi o sudafricano Kevin Carter. El gañara o Pulitzer con esta imaxe e uns poucos meses mais tarde, pola perda dun amigo e polas críticas sobre a foto, decidiu suicidarse.