domingo, 6 de maio de 2007

Valentes galegos


“Deixade de choromicar como cativos e pelexade como homes, carallo!” é o que escoitei moito ao longo da miña vida na miña familia, na miña aldea, entre a miña xente... Pero o pobo galego nunca se deu moito pola pelexa, de ningún tipo. Xa dicía Castelao que “En Galiza non se pide nada, emígrase”. ¡E que poucas mostras de pelexa lembro entre os meus!

O nacionalismo en si podería ser considerado como unha pelexa continuada. Unha loita polos dereitos de Galiza, a saúde da nosa cultura e a nosa lingua –que destaca perante a ouvidos varios sempre pola súa beleza e dozura-, o coidado das nosas paisaxes marítimas e forestais –únicas no mundo-, unha pelexa por buscar o noso lugar neste mundo.

Pero ese nacionalismo xorde dende ámbitos urbanos sobre todo. Hai que recordar que as cidades non concentran a maioría da poboación galega a día de hoxe, e que a galeguidade máis orixinal e auténtica, por contra, consérvase no medio rural. Esta é a orixe, ao meu parecer, da desunión entre nacionalismo galego e galeguidade propiamente. I é por iso que o “populacheirío” de Fraga sempre tivo millor acollida nas nosas aldeas, inda que non entendamos o porqué.

Seguramente, dende o punto de vista técnico, un goberno de esquerdas axudaría ao sector primario a modernizarse, e a entrar dunha vez no século XXI. Pero os nosos paisanos non pensan así. Eu achácoo ao “medo”, e non a que lles zoupen nin nada parecido á Guerra e á posguerra Civil, senón en termos económicos e de cosmovisión. “Amiguiños si, pero o porquiño polo que val”. A xente do rural é conservadora, como en case todos os sitios.

Tamén lembro un estudo que nos citaba un profesor no instituto hai uns anos, sobre o perfil de cada votante. O votante do PP é un home rural, de idade madura, con nivel cultural baixo, e galego falante. O votante do PSOE é urbano, de idade madura, cun nivel cultural medio - alto, e castelán falante. As súas únicas diferenzas co BNG eran a idade –pouco máis xove o nacionalista- e a visión sobre a propia cultura, evidentemente. Eu tamén engadiría a maior convicción de esquerdas da xente do BNG, inda que isto só é unha percepción persoal, claro.

Atópome cun paradoxo xigante: A Galiza auténtica vive no medio rural; o coidado de Galiza e todo o galego corresponde en primeiro grao aos galeguistas; galeguistas que xorden orixinariamente dos núcleos urbanos; se crecen as cidades, podería medrar o galeguismo; pero se medra o urbano, será a costa do medio rural, que é o que conserva a miña galeguidade favorita...

Parece que estamos abocados a defender un envase baleiro... ou non. Depende de nós, se ese galeguismo é forte e ben planeado. Quizais a solución estea moi preto da educación, da cultura, e neso non imos mal. Unha vez escoitei que se se puidera caracterizar cunha soa verba aos nacionalismos podería ser: racial o basco, económico o catalán, e cultural o galego.

Temos a materia prima. Ogallá academos un bo produto final...

1 ELOS:

o refraneiro disse...

Nunca escoitara esa definición de nacionalismo basco coma racial, o catalán coma económico e o galego coma cultural, pero áchoa moi acaída.
Coma ti, agardo que o produto final sexa, non só bo, senón o necesario.