sexta-feira, 18 de maio de 2007
eu o que penso é en pedir outra caña en canto remate esta. Non, non é unha homenaxe ao alcol na que tantos artistas e creadores se deleitaron, anque ben pode selo. O conto é que estou convencida de que as grandes ideas destes tempos onde nos movemos veñen amparadas polos efluvios etílicos. A día de hoxe unha conversa que non xire arredor dunha mesa cargadiña de cervexas, LK ou bebidas similares pode ser fructífera pero seguro que non tanto coma cando as palabras se van arrastrando e so as entendes se as arrastras ti tamén.

É a creación unha alteración da conciencia? Pode ser, porque na miña ignorancia aínda non coñezo a ningún matemático nin físico que se botase a perder e se saíse do pensamento coherente e rectilíneo botando un grolo. Anque os buracos negros e universos paralelos estean noutro plano de coñecemento nunca chegarán a evocar o que moitas novelas, pinturas ou versos.

Con isto non quero dicir que sexa necesario andar dando tumbos polas beirarrúas para lograr a inspiración, pero que bonito é caer en tópicos e asistir a xuntanzas nas que con mesura se disfruta dunha copiña mentres saen ideas e proxectos á luz.

Despois de todo isto, non fago máis que preguntarme que se o que realmente precisamos é illarnos dalgún xeito desta realidade feita por outros, tan negra e tan crúa que nos pon a pel de galiña, cuns graos de alcol en sangue superiores ao permitido. Por iso penso que bebemos: non é que non queiramos implicarnos nas barbaries é que so desexamos ver as cousas como teñen que ser, bonitas.

1 ELOS:

Xosé Manuel Carreira disse...

Supoño que a sobria ebriedade dos romanos, a tamén chamada cultura do viño ou simplemente beber con estilo, é a idea que se debería promover entre a mocidade e non esas terríbeis bebedeiras consumistas que os fan cairen redondos coma hooligans.