O outro día saíu nunha discusión entre colegas e fume de bar o tema dos salarios traído a escea entre a mala situación laboral dos enxeñeiros en informática, co líder conservador dos 8.000 € netos/mes en “Tengo una pregunta para Vd.” e co escándalo da tonadillera que ten 20 casas e 16 autos. É certo que, especialmente na Galiza, a situación laboral non é para tirar foguetes mas coido que algúns non merecen nen as titulacións que posúen. Algúns non viven mellor porque nunca protestan, nunca fan preguntas incómodas, porque hai carraxe pero non hai coraxe a dicir o que se pensa e calquera cómeos con patacas. Algúns ilusos mesmo autoengánanse dicindo que se precisan poucos cartos para vivir felizmente (mexan por nós e haberá que dicir que chove?) e agardan en balde que sexan os politicuchos, a administración ou algunha organización os que lles resolvan os problemas.
Moitos non comentan case nada de política e pasan de comprometerse a dar a súa opinión en temas críticos. Se algunha vez abren un blog, por Deus, que non se mostre a faciana, que non se saiba quen son. Sen folgos, pasivos e pasotas como se estivesen todo o día fumando porros a eito, pasan de todo, tío, esperando a que chegue o fin de semana para dexenerarse.
Só entenden da potencia do coche de fulano, da piscina do chalé dos pais de Chuchi, de se o celular ten bluetooth e se xa rematou de descarregar mp3s o Emule para o iPod. Cando os seus colegas pepeiros, sociatas ou bloqueiros discuten con paixón cuns cafés e uns Ducados, eles calan coma putas porque un non se pode rebaixar a clasificarse e discutir de cousas que non se mercan no Opencor ou en Massimo Dutti. Adoran, iso si, entender de pubs (que se o Patachín que se o Patachán), e viaxar con Ryanair (como lles perdan a equipaxe non protestarán), e comentar o lindiña e delgada que está Letizia e encontrar un modelo de gafapastas de corte moderno. Non respeitan a milenaria cultura do viño, non, prefiren mesturar licores de garrafón con algún infecto refresco de burbullas no xoves á noite. Rebeldes, si, pero sen causa, sen riscos, en plan Quimi y Valle.
Encontro, en xeral, bastantes nenos mantidos, mimados e multivitaminados que correrán tras das saias da mamá cando a vida lles foda os cartos e a paciencia en lugar de dar a cara e cantar as corenta. Sempre dirán: a vida non é xusta, como sea vida simplesmente viñese dada en lugar de ter que puxar por ela arreo. Unha mocidade con sangue nas veas non ama a Laura senón que Laura fode con quen quere, unha mocidade con sangue nas veas non quere ser funcionario senón emprendedor, unha mocidade con sangue nas veas non deixa que ningún administrativo do INEM que nunca traballou na empresa privada lle conte como procurar emprego e unha mocidade con sangue nas veas non permite que Espido Freire se lucre cun libro tan cutre sobre os mileuristas.
O reto non é doado, seino, e non son quen de xulgar e condear a miña xeración mas ninguén loitará por nós e moitas veces lembro aquel consello algo machista do meu avó que hoxe valería tanto para rapaces como para raparigas de 18 a 35 anos: deixade de choromicar como cativos e pelexade como homes, carallo!
1 ELOS:
Notas:
- Mileurista é o palabro Carolina Alguacil puxo de moda en Agosto de 2005 cunha carta ao director enviada ao xornal El País. Fai referencia á xeración de vinte a trinta anos e cuxo valor no mercado é de 1000 euros por mes.
- O best-seller de Espido Freire que se cita na postaxe é "Mileuristas", onde se describe de maneira moi superficial unha xeración apática, pasiva, que ri de todo, individualista e sen intención de correr os riscos de montar a súa propia revolución.
- Os do baby boom, xeración X (rebaptizada na Galiza como a xeración Xabarín) ou XASP son outros termos comúns para referrise a esta xeración.
Enviar um comentário